Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O festival 'Aquí tamén se fala' potencia a música actual en galego na súa primeira edición

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da I edición do festival Aquí tamén se fala, impulsado polo IES coruñés Rafael Dieste co apoio da Xunta, o Concello e a Deputación da Coruña, entre outros.

O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, “demostrándolle á mocidade que a lingua propia tamén é válida para os espazos de ocio e diversión, así como para a música de moda”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

No acto de presentación, que acolleu o propio instituto coruñés, tamén participaron Soledad Agra, responsable da área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña; Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade do Concello da Coruña; Mateo Torres, director do centro; Nuno Pico e May, cantantes de Grande Amore e Leria, respectivamente, e alumnado e profesorado do centro.

Promover o uso do galego entre a mocidade

Este festival enmárcase na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.

Ademais, a iniciativa volveuse especialmente famosa ao involucrar os clubs deportivos galegos de referencia, como o Deportivo da Coruña, o Celta, o Obradoiro ou o Balonmán Cangas, entre moitos outros; así como a referentes da cultura nacional e internacional como o actor Viggo Mortensen ou os músicos James Rhodes e Amaia Romero.

Coa celebración do festival Aquí tamén se fala, esta iniciativa dinamizadora acada unha nova dimensión aberta a todos os públicos. Así, as persoas interesadas poderán asistir de balde ao evento, que terá lugar o 7 de xuño na Praza da Tolerancia da Coruña a partir das 17.00 h.
r