Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O Gaiás ocupa un papel protagonista ao acoller unha das principais propostas internacionais anunciadas para este ano: a mostra 'Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' que se poderá visitar, como único destino en España, entre os meses de marzo e agosto. Trátase dunha exposición internacional que amosará en Santiago o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos. Destaca tamén a presenza de Galicia na celebración da XXVII edición da exposición Las Edades del Hombre que no 2024 terá unha dobre sede.
  • Os integrantes do Centro de Coordinación Operativa do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia confirmaron na súa reunión en Santiago que a incidencia da chegada de pellets descendeu notablemente e xa non chega aos umbrais mínimos que recomendan os organismos internacionais para a súa recollida. Así, estase por debaixo dos 150 pellets/m2 que foi o método utilizado en Nova Zelanda tralo incidente do MV Rena. Non se chega tampouco á recollida de 50 gramos de pellets de plástico por cada operador e día, e non se acadan os 500 ml deste residuo granulado por limpador e día.
  • Estes puntos laranxas contra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través dos webs de cada un dos centros educativos. Contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles. O seu funcionamento é como o dun buzón a través do cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros. Para xestionar o buzón, cada centro educativo terá un equipo de actuación contra o acoso escolar.
  • A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana unha selección do mellor cinema para público miúdo coa oitava edición de Pequefilmes. O festival internacional de curtametraxes infantís proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países repartidas nas xornadas do venres 26, o sábado 27 e domingo 28. Ademais de gozar en familia dos filmes, os nenos e nenas tamén se converterán en pequenos críticos de cine, xa que será a cativada a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.
  • Composta por seis paneis, a mostra recolle o percorrido da lingua galega na liturxia nestes 55 anos partindo da aprobación, en 1963, do uso das linguas vernáculas na liturxia no Concilio Vaticano II ata a aprobación, cinco anos máis tarde, do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia. Unha nova que se faría pública o 7 de xaneiro de 1969, con gran repercusión na situación social do momento. Parte fundamental deste fito foron tamén as primeiras traducións ao galego dos textos litúrxicos como o Misal Romano ou a Biblia, que a Xunta volve editar en colaboración con SEPT co obxectivo de levar a lingua a todas as parroquias galegas.
  • O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento 3.524 quilos deste material, o equivalente a 141 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 10.850 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos. No día de onte, o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias uns 24 quilos de pellets, o equivalente a preto dun saco deste material, así como 560 quilos doutro lixo presente na costa que pode depositarse no contedor amarelo.
  • A Cidade da Cultura volve celebrar a súa tradicional festa de Entroido convidando ao público a unha divertida tarde familiar. A música de Brais das Hortas e un gran baile de disfraces, con DJ e temática relacionada coa horta, serán os grandes protagonistas. O Entroido na horta celebrarase na tarde do luns 12 de febreiro no Museo Centro Gaiás dende as 16.30 ás 20.00 horas. O programa festivo comeza con música a cargo dun DJ para ir quentando motores e dar paso ás 17.30 ao concerto cheo de humor de Brais das Hortas. Ás 18.30 será o momento para dar boa conta do enxeño dos participantes que queiran mostrar os seus disfraces nun desfile no que non faltarán os premios á orixinalidade. Ás 19.00 retomarase o baile, acompañado de animación, para seguir gozando ata o fin de festa.
  • A nova edición do Morriña Festival terá entre os seus cabezas de cartel artistas como Aitana, Louis Tomlinson -que fora integrante de One Direction- ou Yandel, entre outros. O festival celebrarase o 26 e 27 de xullo e celebra este ano a súa cuarta edición. Ademais o festival contará con La La Love You, o galego Sen Senra, un dos artistas con máis talento da súa xeración. Completan a listaxe, entre outros, os barceloneses Doria ou unha das promesas musicais do momento, o dúo Marlena xunto con un dos maiores talentos da música española da actualidade, o madrileño Dollar Selmouni. Xunto a eles tamén estarán Enol, Yeico x Toni, Trashi e Garabatto.
  • O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento preto de 2.800 quilos deste material, o equivalente 111 sacos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo balance dos resultados obtidos ata a xornada de onte e salientou que desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais máis de 6.000 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.
  • A Cidade da Cultura foi a insignia da cultura galega en 2023, segundo vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de 414 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Así, o Gaiás encabeza a listaxe de propostas culturais en Galicia e entra no número 63 do ránking nacional, no que tamén figura o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no 84, 13 postos por riba de 2022. Este recoñecemento avala así a calidade e innovación da programación ofrecida pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, que leva cinco anos consecutivos situándose nas tres primeiras posicións deste ránking galego.