Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Reuníronse hoxe de forma telemática os responsables de Medio Rural das comunidades da Cornixa cantábrica para avanzar nunha ampla alianza común -na que tamén participan as organizacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia- co fin de reclamar, de maneira conxunta, maior flexibilidade na PAC e a súa adaptación á realidade destes territorios. Este encontro coincide no tempo co que celebra en Madrid o Órgano de Coordinación do PEPAC, no que participan as comunidades autónomas -entre elas Galicia- e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Nesta xuntanza de carácter técnico púxose de manifesto, a xuízo da Xunta, que a Comisión Europea está sendo mesmo “máis ambiciosa” que o Ministerio á hora de abrirse á flexibilización da PAC, grazas á presión negociadora das comunidades autónomas.
  • Celebrouse a reunión da asemblea e o consello superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento do organismo para este exercicio. Neste encontro fíxose balance das principais levadas a cabo pola entidade ao longo de 2023, entre elas, a sinatura o pasado novembro do protocolo co Consello Sindical Interrexional Galicia- Norte de Portugal, para mellorar as condicións socio-laborais dos traballadores transfronteirizos; a celebración do 2º Encontro de AECT Ibéricas en materia de cooperación transfronteiriza ou o 1º Seminario de Directores e Editores de Medios de Comunicación da Eurorrexión organizado o pasado xuño co obxectivo de debater a situación no sector e encontrar novas vías de colaboración.
  • O Centro Dramático Galego estrea en Galicia esta fin de semana o espectáculo Manuela Rey Is In Da House cunha serie de funcións para público xeral que terán lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela do xoves 14 ao sábado 16 de marzo para continuar a reivindicar e dar a coñecer entre o público galego a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX. A peza, creada conxuntamente entre o Centro Dramático Galego, o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, naceu como nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior desta unidade teatral.
  • A nova temporada dos trens turísticos de Galicia arrancou esta fin de semana coa primeira saída do itinerario do Tren da Camelia en Flor, unha das 14 rutas que estarán dispoñibles durante este ano dentro da iniciativa posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde que permite coñecer a Comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren. O Tren da Camelia en Flor terá a próxima saída o día 23 de marzo, para a que os billetes xa están esgotados. Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar.
  • O inverno climatolóxico 2023-2024 (decembro, xaneiro e febreiro) en Galicia foi o cuarto máis cálido da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha temperatura media de 10 graos centígrados. Así o reflicte o balance climatolóxico publicado por Meteogalicia. Xaneiro e febreiro foron especialmente calorosos, o que situou a temperatura deste inverno 1,5 graos por enriba da media histórica, ao tempo que o mes de xaneiro se converteu no máis cálido dos últimos 58 anos, case seis décadas. O volume de choivas rexistrado -522 litros por metro cadrado- é un 18% superior ao que vén sendo habitual neste período, especialmente polas abondosas precipitacións do mes de febreiro.
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia presentará alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, presentado o pasado mes de febreiro polo Goberno central. Lorenzana, acompañada do conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, participou hoxe nunha xuntanza do Observatorio da eólica mariña, convocada coa finalidade de recoller as suxestións dos sectores implicados para, dixo, “ter unha postura inequívoca desde a comunidade autónoma de Galicia en relación ao contido deste real decreto”.
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde mediante a cal se convocan as axudas da Política Agraria Común do ano 2024. Estímase que esta convocatoria manteña no seu conxunto unha dotación de 200 millóns de euros -similar á dos últimos anos- para os 25.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiados de media cada ano. Esta orde ten dúas vías de financiamento, sendo a principal as axudas de xestión extraorzamentaria, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) e que, debido aos cambios na xestión orzamentaria derivados da entrada en vigor do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, aínda non poden ser cuantificadas.
  • O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai reforzar a protección dos pacientes inmunodeprimidos fronte a gripe na vindeira campaña de inmunización. Estas persoas serán incluídas entre os grupos de risco que recibirán unha vacina de alta carga e sumaranse aos maiores de 80 anos e as persoas de máis de 60 que viven nun centro residencial, que xa recibiron esta dose reforzada na pasada campaña. A vacina antigripal de alta carga ten un valor engadido con respecto ás convencionais ao mellorar a resposta vacinal nas persoas que a teñen indicada pola súa idade, que provoca que o sistema inmune non responda de forma óptima ás vacinas convencionais, ou en persoas inmunodeprimidas por algunha patoloxía.
  • Ao longo do encontro poderán verse 67 pezas procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que oito están dirixidos por mulleres. Deste xeito, a mostra, dirixida por Ana Estévez Lavandeira, volve un ano máis a darlle visibilidade ao traballo das realizadoras e directoras, o que supón un 50 % na programación desta edición. Ao mesmo tempo, o foco está posto na ollada do cinema etnográfico sobre o político, os rituais, o seu poder simbólico ou os espazos nos que se tecen as súas prácticas, relacións e significacións.
  • O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o apoio do Goberno galego na industrialización do sector lácteo da comunidade co obxecto de acadar o 75 % do leite transformado en Galicia para o ano 2025. 'É un obxectivo ambicioso, pero realista xa que progresamos moito nos últimos anos', argumentou en referencia á que Galicia xa industrializa arredor do 63 % do seu leite, á vez que se ten convertido na comunidade que produce o 42 % do leite de vaca de España. Precisamente, o mandatario galego en funcións gabou a implicación con Galicia de industrias lácteas como a de este grupo e amosou “toda a disposición” do Goberno galego en seguir apoiando con medidas iniciativas deste tipo que xeran riqueza e emprego local.