Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, advertiu hoxe dun 'balance preocupante' no estado de execución das infraestruturas e servizos ferroviarios comprometidos en Galicia polo Goberno central e que, segundo admitiu, está a ser unha das 'inquedanzas fundamentais' do Executivo autonómico. Rueda informou de que esta é a principal conclusión dun informe da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, avaliado hoxe no consello da Xunta, sobre a situación dos servizos e das infraestruturas ferroviarias na comunidade, abordando as principais necesidades das liñas e dos servizos de tren en Galicia.
  • A Filmoteca de Galicia conmemora durante o mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo anual Olladas de muller, organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con O corno e Laura Ferrés en Valladolid con La imagen permanente. Así, o día 5 de marzo, a sala José Sellier acolle o coloquio de Camborda e Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine. Ao finalizar a conversa, proxectaranse as curtametraxes Rapa das Bestas e Los desheredados. Xa o día 6 exhibiranse as súas premiadas películas La imagen permanente e O corno, que repite sesión o día 8.
  • A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, estará presente na quinta edición da feira BioCultura, que se celebrará durante esta fin de semana no recinto de EXPOCoruña. A Xunta colabora co evento coa organización de actividades vencelladas coa produción ecolóxica, ademais de apoiar a presencia de quince operadores galegos coordinados polo o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), amosarán a calidade da produción ecolóxica con produtos lácteos, cárnicos, repostería ou conservas. Entre as actividades que promoverá a Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará este fin de semana a presentacións de cociña con alimentos ecolóxicos, realizadas por cociñeiros de comedores escolares participantes na campaña “Come Local”.
  • A Xunta pide a Bruxelas unha “maior concreción e ambición” nas medidas de apoio a agricultores e gandeiros, en referencia á reunión celebrada onte polos ministros europeos de Agricultura, e da que, tras lamentar non ter unha comunicación oficial por parte do Goberno central, polo que “puidemos coñecer polos medios saíron boas intencións, pero sen acordos lexislativos nin un cronograma de actuacións”. Así o manifestou esta mañá o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, nunha visita a unha explotación de vacún de carne en extensivo de razas autóctonas Cachena e Limiá situada no concello ourensán de Laza, na que estivo acompañado polo alcalde deste municipio, José Ramón Barreal, e a xerente e socia da granxa, Teresa Gayoso.
  • O Instituto Nacional de Estatística (INE), fixo hoxe públicos os primeiros datos turísticos de 2024 referidos aos hoteis e pensións durante este mes de xaneiro. Neste mes, máis de 173.000 viaxeiros se aloxaron nos establecementos hoteleiros e fixeron máis de 310.000 noites, uns niveis levemente inferiores aos do ano pasado, e similares aos rexistros acadados antes da pandemia consolidando así a senda de intenso crecemento dos últimos anos. Neste contexto, o sector hoteleiro foi quen de manter a mellora da súa rendibilidade (nun 2%) e acadou ingresos superiores aos rexistrados antes da pandemia.
  • O sector marítimo-pesqueiro galego recolleu entre os anos 2020 e 2023 preto de 425 toneladas de lixo das costas galegas ao abeiro de 36 proxectos colectivos desenvolvidos no marco das convocatorias de axudas para accións de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos. Estas accións promovidas desde a Consellería do Mar, que lidera en funcións Alfonso Villares, involucraron a arredor de 1.200 persoas e 145 embarcacións de confrarías e pescadores repartidas por toda Galicia. Supuxeron un investimento público de máis de 1,6 millóns de euros.
  • A Xunta insiste ao Goberno central na necesidade de liderar en Bruxelas a petición dunha "moratoria inmediata" de toda a nova normativa comunitaria que está poñendo trabas burocráticas innecesarias ás explotacións que "están asfixiando aos agricultores e gandeiros". Así o advertiu esta tarde o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na súa intervención, por videoconferencia, no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, que estivo presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
  • O inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo que hai na Comunidade, acaba de ampliarse coa incorporación de 250 novos elementos e a actualización de 10 que xa estaban incluídos. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, na que se informa tamén de que se pode acceder á visualización e descarga da cartografía dixital do inventario de zonas húmidas de Galicia a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio a tal fin.
  • A proposta da Federación de Cineclubs de Galicia para 2024 articúlase arredor de 19 ciclos e sete semanas de cine que terán lugar nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor de Nigrán, Serie B de Narón, O Acomodador de Allariz e Os Papeiros de Chantada. A cinemateca galega seguirá ofrecéndolles aos cineclubs algúns títulos procedentes da súa carteleira para a sala José Sellier da súa sede da Coruña, de xeito que incrementará o número de concellos galegos implicados por esta vía coa incorporación de O Barco, O Carballiño, Vilagarcía e Cangas.
  • Galicia propuxo este ano un total de 117 praias —40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra— como candidatas a optar á Bandeira Azul 2024, a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior. Así o avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.