Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.
  • A Xunta salienta que ningún concello presentou a solicitude de declaración de zona tensionada e advirte das consecuencias negativas desta medida para o mercado de alugueiro de vivendas. O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou esta tarde na mesa de debate Declaración de zonas tensionadas no marco do V Congreso Inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias. Heriberto García lembrou que a lei estatal trae máis incertezas que confianza ao mercado residencial, polo que o Goberno galego xa a recorreu ante o Constitucional.
  • Baixo o título 'Horizontes dos Estudos Galegos e /na Lusofonía', esta nova edición do congreso da AIEG parte do tradicional vínculo entre Galicia e os países lusófonos para promover o debate, a crítica e novas propostas sobre as relacións no espazo cultural, académico e institucional. Farao a través de relatorios, paneis, mesas e sesións plenarias nas que participarán especialistas das tres universidades galegas, pero tamén do ámbito nacional e internacional, que discutirán sobre os campos lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico e artístico. No marco do congreso tamén terán cabida as actividades culturais, como excursións ou exposicións, especialmente dirixidas á mocidade investigadora; ou a presentación de produtos académicos e proxectos, como o Proxecto Nós, impulsado polo Goberno galego para incorporar a lingua propia de Galicia á vangarda da Intelixencia Artificial.
  • A Secretaría de Estado de Turismo vén de emitir a resolución pola que se concede a declaración de Interese Turístico Nacional á Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón. Con este recoñecemento, Galicia suma xa 10 festividades con este recoñecemento. A Festa da Filloa de Lestedo súmase así ás outras nove que xa contan con este recoñecemento: a Romaría de Nosa Señora da Barca (Muxía), as Carrilanas de Esteiro (Muros), as festas do San Froilán (Lugo), a Feira do Bonito (Burela), a Festa da Historia (Ribadavia), o Entroido de Verín. Tamén a Festa do Marisco do Grove, as Festas de San Roque (Vilagarcía de Arousa) e a Festa da Reconquista (Vigo).
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
  • O programa TRC Danza, organizado polo Teatro Rosalía Castro da Coruña, ten como obxectivo promover as artes do movemento, e para iso ofrecerá a exhibición de 13 espectáculos e 39 actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica. TRC Danza 2024, que se articula anualmente en dous bloques temporais de primavera e outono, inclúe tres pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e contén outras propostas creadas coa contribución das subvencións á creación escénica ou como coprodución co Centro Coreográfico Galego, ademais de acadar un patrocinio específico para toda as citas de mediación.
  • Galicia instou hoxe ao Goberno central a tramitar con celeridade o reparto dos fondos de 2024 destinados tanto a compensar os danos causados polo lobo nas explotacións gandeiras como á adopción de medidas de prevención coas que evitar eses ataques. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lamentou durante a súa participación por videoconferencia na reunión da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade que non se transferisen os fondos de 2023 como consecuencia da anulación por parte da Intervención Xeral do Estado do procedemento iniciado polo Executivo central ao detectar eivas na súa tramitación.
  • Galicia rexistrou 47.099 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior, o que o converte no segundo ano con máis descargas eléctricas da serie ao estar só por detrás dos 47.937 detectados en 2017. Máis polo miúdo, houbo 77 días de treboada, destacando o mes de xuño con 15 días; maio, con 13, e setembro, con 12. Así, o mes de xuño destaca con 16.640 raios, o 35% do total do ano, mentres que, en setembro e maio, se rexistraron 13.675 e 13.583, respectivamente. O día con maior número de raios detectados foi o 9 de setembro, con 10.204 descargas. Nesa xornada, Galicia atopábase baixo a influencia dunha extensa zona de baixas presións relativas en superficie acompañada por unha depresión en altura ao noroeste da Península.
  • O Centro Dramático Galego (CDG) estrea 'Os actos e as profecías', a produción central do seu 40º aniversario, este xoves 11 na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, onde desenvolverá 48 funcións ata o 26 de maio. Tamara Canosa dirixe esta nova proposta, á que lle dan vida 20 intérpretes, constituíndo un dos elencos máis numerosos do CDG nestas catro décadas de historia. Co mundo dos talent shows como punto de partida, Os actos e as profecías lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.
  • Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades. Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16.